O Peque Coro


Este é o blogue para @s pequecoristas, @s amig@s e familiares dos pequecoristas, para tódol@s interesad@s no canto coral infantil e para @s alumn@s de Linguaxe Musical do noso conservatorio.

O Peque Coro somos nenos e nenas de Grao Elemental e Profesional do Conservatorio de Música "Xan Viaño" de Ferrol. Tódalas semanas ensaiamos xunto con profesoras do noso conservatorio. Ó piano acompáñanos a delicadeza da nosa pianista, Alexandra Pita e a dirección está nas mans de quen escribe neste blogue: a ilusionada directora, Catuxa Pita.

lunes, 31 de diciembre de 2012

Feliz Aninovo


Que o 2013 siga cargado de ilusións e marabillosos momentos musicais para tódol@s pequecoristas e as súas familias.

domingo, 30 de diciembre de 2012

Outro "Peque" Coro

Velaí un coro de peques, aínda que poucos, o que se din poucos,..non son:

miércoles, 26 de diciembre de 2012

Recoméndoche...A Pequena Frauta Máxica


Este mércores 26 de decembro a compañía Divertimento traerá ó teatro Jofre unha adaptación para nen@s da ópera A Frauta Máxica de W.A. Mozart. O coro de escravos que cantamos é unha adaptación que pertence a esta ópera. Coro de escravos da Frauta Máxica

A Frauta Máxica adéntranos no mundo da imaxinación e dos soños: o príncipe Tamino fuxe dunha gran serpe e refúxiase nun bosque no que cae desmaiado. Alí, coñecerá á Raíña da Noite e a Papageno, un home que caza paxaros para a raíña. Tres mulleres da corte da raíña da Noite ensínanlle a Tamino un retrato de Pamina, a filla da raíña que está secuestrada polo cruel Sarastro. E a partir dese intre comeza a aventura de Tamino e Papageno.

No seguinte vídeo escoitaredes a famosísima aria da Raíña da Noite:


Se queredes máis información para asistir a este concerto, consultade a continuación o enlace da páxina do Teatro Jofre: A Pequena Frauta Máxica.


lunes, 24 de diciembre de 2012

A noite do Apalpador


Dende as montañas lucenses virá o Apalpador cargado con agasallos para tódolos nenos e nenas. Agardo que se acordara de traer moitos agasallos para @s pequecorist@s.

Doces sonos...

domingo, 23 de diciembre de 2012

Un bonito recordo


O noso primeiro concerto deste ano será unha experiencia que gardaremos na memoria para sempre. Este era un novo espazo para tod@s, e un fermoso espazo.

Comprendemos perfectamente as sensacións que poden ter @s pequecoristas, porque igual que vos, nós saímos a ese mesmo esceario coa vosa idade, e cuns anos menos. Recordamos aquelas sensacións do formigueo polos nervos previos á saída á escea, ademáis da euforia da ovación dun teatro repleto.

O cole que fumos de pequenas despedían cada curso cun festival neste teatro. Aínda que non estaba tan bonito e esplendoroso, máis ben todo o contrario. Era un teatro practicamente abandonado do que só quedaba unha sensación do que fora en tempos pasados. Menos que que tódol@s ferroláns recuperamos esta xoia para a nosa cidade!.

Pois ben, acababa o curso e cada clase facía unha pequena coreografía, ademáis de presentar o traballo das clases de ballet e baile tradicional galego. Era fantástico o bulir entre cortinas. Axiña cambiábamos as zapatillas e o tul de ballet, pola saia do traxe galego. Aínda cos ollos abertos podo recordar as miñas emocións bailando unha adaptación do Outono de Vivaldi.

Tamén recordamos momentos nos que preferirías fuxir. Miña nai mercáreme uns zapatos novos de charol para bailar ese día. Como brillaban! Como di a copla: "aínda non merquei, pero vou mercar zapatiños novos para ir bailar". Pois non levedes os zapatiños novos ó baile porque esbaran! Xa o notara co primeiro punto: tacón-punta-tacón e na primeira volta da muiñeira...ZAS! Catuxa vai tan salerosa que cae ó chan. E que fas? Pois coma sempre nesta vida: érgueste e segues cara diante. 

O Conservatorio tamén organizou algún concerto de fin de curso neste teatro. E alí estabamos @s alumn@s de distintas especialidades. Recordo saír perdida a ese esceario. Non estaba a miña profesora de piano para darme a tranquilidade e as forzas precisas. Quedei satisfeita da primeira obra que interpretei, o trago difícil foi cando comeza a fallarme a memoria tocando no piano unha invención de Bach. Foron uns intres eternos.  

Para @s pequecoristas o único momento para esquecer será a espera, mais a vosa interpretación e presenza en escea foi marabillosa. Co voso traballo e concentración en escea, é imposible esbarar e caer! E nunca na vida esqueceredes as emocións compartidas c@s vos@s compañeir@s pequecoristas.



viernes, 21 de diciembre de 2012

Novas para o 21 de Decembro

Recordade que esta tarde participamos no concerto solidario "Axúdanos a orquestrar un bo almorzo" a favor da Cociña Económica. A nosa participación será a partires das 19:00 horas. 

Pequecoristas, reunímonos na aula de orquestra.

Ata a tarde!


miércoles, 19 de diciembre de 2012

Recoméndoche...O Quebranoces no Teatro Jofre




Por estas datas podemos ver en moitos teatros o Quebranoces de Tchaikovsky. Este ballet do mundo dos soños cumpre 120 anos.

Esta tarde podedes velo interpretado pol@s alumn@s e profesores do Conservatorio de Danza de Lugo no teatro Jofre ás 20:00 .


Unha das esceas máxicas  é a Danza da Fada Golosina, coa fascinación que produce en todos o  timbre da celesta.



martes, 18 de diciembre de 2012

Unha nova xesta...no Teatro Jofre

Había tempo que non invocábamos á Fama para que difundise unha nova xesta. Mais, nesta ocasión debemos pedirlle que extenda as súas ás e difunda por toda a nosa cidade a merecida xesta.

Durante tres longas horas de espera estiveron @s pequecoristas engaiolad@s en pequenos espazos. Parecía que estaban superando probas igual que Ulises!. Debían ficar calad@s (tarefa imposible), practicamente inmovilizad@s nun espazo pequeno, e por riba, o máis duro,...sen poder cantar.

Esa longa espera podía atacar o ánimo de calquera!

Mais estes pequecoristas son fortes de espíritu e saíron con disciplina espartana ó esceario. Estaban preparad@s para o seu cometido.

No momento en que se abriu o gran telón, alí estaban controlando as súas emocións e concentrándose para ofrecer ós presentes unha bonita interpretación. O medo escénico fuxiu axiña e as Musas voaban na bóveda do Teatro.

Dende o Paraíso do Jofre, un clamor chegaba ós nosos pequenos cantores. As súas voces xa non semellaban tan pequenas nese esceario. Esa foi a súa xesta: encher coas doces voces semellante espazo sonoro.


Así pois, Fama, difunde a nova xesta d@s pequecoristas...

domingo, 16 de diciembre de 2012

O Peque Coro no Teatro Jofre


Esta visión do Teatro Jofre é a que terán mañá @s pequecoristas dende o esceario. O único cambio será que non veremos este fermoso teatro baleiro, senón repleto de coralistas e público asistente a esta cita.

O noso primeiro concerto deste curso será dentro da Mostra de Corais de Terceira Idade. Dende a Concellaría de Benestar Social de Ferrol pretenden fomentar as relacións entre os maiores e os nenos. E nos acudimos felices a este evento.

Para vari@s pequecoristas é o seu primeiro concerto. Podedes estar moi tranquil@s porque o repertorio está ben traballado nos ensaios e teredes o apoio d@s máis veteran@s, que xa están máis acostumad@s a saír a escea. É certo que a novidade de cantar no Jofre é un reto para nós. Sempre cantamos en auditorios máis pequenos: no conservatorio de Lugo, no de Culleredo...e no auditorio do noso conservatorio, que é coma cantar na casa. Mais podemos saír fachendos@s a escea: só precisamos concentración.

Ademáis, alí atoparemos un público entregado: tódalas corais agradecerán que compartamos escea e ,coma sempre, os nosos fieis seguidores aplaudirán con entusiasmo a nosa actuación.

Será unha bonita e inesquecible experiencia cantar neste teatro.

Por último quero recomendarvos que repasades os consellos para un pequecorista: Coidados para a voz dun pequecorista.

Ata mañá, querid@s pequecoristas!

O Peque Coro na Mostra de Corais da Terceira Idade: luns 17 de decembro ás 17:30 no Teatro Jofre.


viernes, 14 de diciembre de 2012

Novas para o venres 14 de Decembro

Levo no meu pico unha nova para tódolos pais e tódalas nais de pequecoristas a partires de 10 anos:

"Esta tarde do venres 14 de decembro, ás 20:45 reunirémonos no auditorio para informar do intercambio dentro do Proxecto Leonardo no que participará o Peque Coro.  A coordinadora de Programas Internacionais, a xefa de estudos do noso conservatorio, explicaranos en que consiste este proxecto.

Ata a tarde!".


jueves, 6 de diciembre de 2012

Recoméndoche...Dido e Eneas no Teatro Jofre


A miña primeira recomendación cando comecei a escribir neste blog foi  "Dido e Eneas" interpretada polo coro Cantabile da Coruña.

Un ano despois tedes a oportunidade de disfrutar desta ópera na nosa cidade! 

É unha ópera barroca interpretada por un coro infantil-xuvenil baseada na historia da raíña de Cartago, Dido, e o heroe troiano Eneas. Dido e Eneas foi a primeira ópera de Purcell, estreada en Londres no ano 1688. 

Aquí tedes a aria máis famosa, "O Lamento de Dido", na que Dido chora porque Eneas a abandona:



Eu non podo repetir experiencia por asistir a outras actividades musicais (@s profes tamén seguimos aprendendo e facendo cursos...), así que non me veredes. Mais, despois da súa estrea do ano pasado, insisto que merece a pena esta ópera para toda a familia.

Este domingo 9 de decembro ás 20:00 no teatro Jofre. Se precisades máis información, consultade a páxina do Teatro Jofre: Dido e Eneas 



domingo, 2 de diciembre de 2012

Axúdanos a orquestrar un bo almorzo!


Para que a nosa mente e o noso corpo funcionen ben,  debemos comezar o día cun bo e saudable almorzo. Para que tod@s poidamos almorzar, e solidarizándonos coas persoas máis desfavorecidas, comeza no noso conservatorio a recollida de alimentos para doar á Cociña Económica de Ferrol.

Na entrada do noso conservatorio atoparás un recuncho para que deixes a túa doazón de alimentos non perecedoiros (especialmente alimentos para o almorzo)

Axúdanos a orquestrar un bo almorzo! 


domingo, 25 de noviembre de 2012

Cada tres segundos


Eu teño que confesar que tamén sufrín a sensación de ficar xeada ante a mensaxe recibida e a maneira de transmitila por este coro infantil alemán de Wuppertal.

Cada tres segundos, mentres interpretaban Mad World (Mundo Tolo) un neno do coro abandonaba o esceario simbolizando que cada tres segundos este mundo perde a un neno por causas evitables (fame, malnutrición, falta de vacinas...). 



Este coro colaboraba co International Children's Fund para facernos reflexionar no Día Universal do Neno.

sábado, 24 de noviembre de 2012

Que intervalo sona?

Para repasar os exercicios de recoñecemento de intervalos, elaborei as seguintes actividades. Clicade sobre a imaxe e poderedes comezar o voso entrenamento auditivo. Canta cada intervalo antes de responder. 


Intervalos melódicos de 2ª, 3ª, 6ª e 7ª maiores e menores



Intervalos harmónicos de 4ª e 5ª xusta



Intervalos harmónicos


Neste último exercicio debes escribir o intervalo que escoitas a partir da nota escrita na partitura. Amplía a imaxe para poder vela. Recorda que ese é o son máis grave. Para indicar a especie, emprega iniciais e uso de maiúsculas e minúsculas: M (maiores), m (menores), X (xustos).


viernes, 23 de noviembre de 2012

O paxariño que quere cantar

Grazas a seguir o blog de María Quintanilla, El blog de Lenguaje Musical, tempo atrás descubrín este marabillosa curtametraxe de animación.

A historia dun paxariño que quere cantar e non pode. Do seu pico só sae aire...sen un son afinado. Prestade atención e observaredes coma na representación das distintas personaxes hai distintos timbres, xa que cada no canto de cada personaxe sona un intrumento distino. Saberíades dicir cal?



Gústame moitísimo...e ademáis quero animar ós nov@s pequecoristas, que ollan con admiración ós pequecoristas máis veteran@s. Igual que este pequeno paxariño esforzouse en aprender a cantar, e conseguíuno cun canto ben bonito, cada un de vos atoparedes a beleza das vosas voces.

Ánimo, nov@s pequecoristas!

jueves, 22 de noviembre de 2012

Equivalencias. Cambio de pulso?

Para que @s alumn@s de 4º GE podades repasar as equivalencias,  elaborei unha nova actividade. Clicade sobre a imaxe e pensade en cada indicación, tendo sempre presente a unidade de pulso de cada compás.


Para poder ver ben o exercicio de cada pregunta, emprega a lupa para que amplíe a imaxe.

miércoles, 21 de noviembre de 2012

20 de Novembro: Día Universal do Neno


O 20 de Novembro é o Día Universal do Neno: un día no que  tódolos países adicarían a recordar a necesidade de coidar e educar a tódolos nenos e nenas deste mundo.

Hai millóns de nenos e nenas que non van á escola por vivir en países sumamente pobres, ou ata por vivir en países con espeluznantes tradicións que prohiben ás nenas estudar. Hai moitas nenas que loitan contra iso, poñéndose en perigo por querer aprender. Unha destas nenas é Malala, que se rebela contra a idea de non poder estudar só por ser unha nena!.


Onte, no Día Universal do Neno, moitos nenos e nenas estaban desprotexidos pola barbarie dos conflictos bélicos. Nenos e nenas inocentes, e alleos á estupidez da violencia do mundo adulto.


Tod@s merecedes protección e educación. 

Tod@s merecedes un precioso canto de berce.



martes, 20 de noviembre de 2012

Que tipo de escala é?

Para que @s alumn@s de 4º GE podan repasar o recoñecemento auditivo dos tipos de escalas menores, elaborei a seguinte actividade.

Clicade sobre a imaxe e xa poderes comezar!




sábado, 17 de noviembre de 2012

Enlaces para facer dictados



Levo semanas prometendo esta relación de páxinas para traballar os vosos dictados. Non vos desanimedes, escoitar supón un gran esforzo. O compositor ruso Igor Stravisnky dicía "Escoitar supón un esforzo. Oír non ten mérito. Os parrulos oen."

Por fin, velaí unha lista de blogs de profesoras de Linguaxe Musical e outras páxinas interesantes para insistir nesta laboriosa tarefa do entrenamento auditivo:

Henarmonía: o blog da nosa amiga a directora do Coro Infantil do Conservatorio de Lugo. Ademáis, grazas a Henar aprendín como podía compartir c@s pequecoristas os dictados no noso blog.

Clicade sobre a imaxe e poderedes facer os dictados de Henar. Por certo, trae as solucións. Mais non fagades trampas!


Dictados Musicales de Elena Álvarez: tedes dictados rítmicos, melódicos, rítmico-melódicos...de diferentes niveles. Ademáis de xogos, práctica de intervalos, dictados a dúas voces...ata probas de aceso dalgúns conservatorios.


El blog de Lenguaje Musical de María Quintanilla: ten moitos dictados para cada curso de linguaxe musical para escoitalos e tamén descargalos.


Ritmo y Sonido del Lenguaje Musical de María José: atoparemos dictados para os distintos cursos. Tamén dictados a dúas voces para @s alumn@s de Grao Profesional.


Almudena Lenguaje Musical: Cada curso ten unha sección de "Audición" no que tedes dictados coas súas correspondentes instruccións


El aula musical de Adriana: un blog moi útil co que tamén aprendín a utilizar ferramentas para crear actividades para vos.  E que nos informa de moitas outras páxinas musicais moi interesantes. Ofrécenos exercicios auditivos de distintos tipos (tests, xogos, puzzles...) e os clásicos dictados


Conservatorio Profesional de Música de La Rioja:  o Departamento de Linguaxe Musical máis o de Canto ofrecen dictados para 3º e 4º de GE e 1 e 2º de GP. Cada dictado ten as súas instruccións e unha serie de preguntas a partir das melodías gravadas con distintos instrumentos, é dicir, con distintos instrumentos e con músicas de diferentes países. Tamén traballa o recoñecemento dos modos e de compases.

Para Grao Profesional traballaredes dictados a dúas voces, ademáis de melodías modais.



Philarmonia Orchestra: poderás realizar dictados a partir da audición de extractos de obras famosas do repertorio "clásico". Seleccionas o exercicio que queres e escribes na mesma web coa axuda do rato do teu ordenador. Despois podes comprobar o resultado. Tamén poderás practicar os intervalos.



Teoria.com: ademáis dunha páxina onde podes practicar a túa lectura nas distintas claves, intervalos, escalas e acordes, podes exercitar as túas destrezas auditivas: dictado de ritmos, notas, intervalos, acordes, dictados melódicos e a dúas voces. Que máis podemos pedir?



Solfeo.org: poderás practicar intervalos recoñecendo a súa orde e especie.


viernes, 16 de noviembre de 2012

De novo...Interpreta coas túas mans unha obra solidaria

Este ano volvemos a colaborar coa asociación AS.PA.NE.MI (Asociación de Pais de Nenos con Minusvalías) coa recollidas de tapóns de plástico. A campaña deste ano é para axudar a Alba: unha rapaza de 14 anos que precisa un custoso tratamento médico.

O curso pasado, a colaboración d@s pequecoristas, pais e nais e amig@s, foi moi grande. Eu aprendín que @s pequen@s sodes moito máis solidarios que o mundo adulto. A vosa implicación pensando nas dificultades doutros nen@s é maior que a nosa. Quizais a medida que medramos perdemos ilusións de mellorar o noso mundo. Vos devolvédenos a enerxía e as gañas de loitar por un mundo mellor. 


Grazas, pequecoristas e amig@s pola vosa solidariedade.

sábado, 10 de noviembre de 2012

Xogos auditivos para os máis peques

O curso pasado entrenábamos o noso oído cun divertido xogo grazas á páxina Pdi Música que nos ofrecía xogos gratuitos. Para @s máis peques será unha boa iniciación,...e para os veteran@s pode ser un momento entretido no que comprobaremos que xa avanzamos moitísimo na percepción auditiva. A tod@s gustaránnos estes orixinais xogos. 

Clicade sobre cada xogo e poderedes comezar o voso divertido entrenamento.

O xa coñecido Robinator que dispara as súa frechas a cada son


O xogo dos Indios e canoas no que terás que levar as distintas canoas ós espazos do pentagrama.


O xogo da Carreira pentatónica no que colocarás cada coche nunha das tecras negras do piano.



No xogo do Billar cromático colocarás cada bola do billar na tecra do piano correspondente. Atención que xogamos cos semitons!

Que teñades un divertido entrenamento auditivo!



jueves, 8 de noviembre de 2012

Recoméndoche...Il Cirque d' amore


Queres pasar unha estupenda tarde este vindeiro domingo? Pois achégate a Il Cirque d'amore, onde distrutarás dun repertorio de distintas óperas de Puccini, Rossini, Mozart e Donizetti. 

Esta ópera infantil estará interpretada por unha soprano, un barítono e un pianista. Se queres máis información: Il Cirque d'amore


Este domingo 11 de Novembro ás 18:00 no Pazo da Cultura de Narón.

martes, 6 de noviembre de 2012

Para alumn@s de GP: secuencia de acordes


@s compañeir@s de 2º GP tamén terán tarefas no noso blog. Aínda que non sodes tan pequen@s, utilizaremos este blog para medrar aínda máis. Sempre teredes unha pestana adicada a vos : O recuncho d@s GP.

Na seguinte actividade escoitaredes secuencia de acordes sobre graos tonais nunha tonalidade maior. Prestade atención e marcade a resposta correcta. Clicade sobre a imaxe e xa podedes comezar a actividade.




A continuación unha nova secuencia de acordes sobre graos tonais nunha tonalidade menor.


viernes, 2 de noviembre de 2012

Outro canto dun cisne



Xa falaramos do mito do canto do cisne: cando un cisne está a piques de morrer, emite un belísimo canto. Dicíamos que os cisnes non cantan, mais utilizamos esta expresión para referirnos á última obra dun artista.

Días atrás un gran compositor alemán, Hans Werner Henze (1 de Xullo de 1926-27 de Outubro de 2012) emitía o seu último canto e xa non poderá ofrecernos ningunha obra máis.

No ano 1980 compuxo a ópera Pollicino, o nome de Polgariño en italiano baseándose en varios contos dos irmáns Grimm e de Perrault. 


Na escea desta ópera veredes coma Polgariño escoita ós seus pais que non poden alimentar ós seus fillos e que queren abandonalos no bosque. Polgariño inxenia unha idea para poder regresar a casa: deixando un rastro coas migallas de pan.

Polgariño (Dominik Blum Mutter) fai unha interpretación excelente. Sei que vos pode sorprender o estilo musical. Aínda non temos o noso oído e a nosa mente tan acostumados a estas sonoridades. Ben merece a pena que prestedes un intre a esta escea. Mágoa que non atope máis vídeos na rede!




jueves, 1 de noviembre de 2012

Foi un 1 de Novembro


500 anos atrás inaugurábase a Capela Sixtina no Vaticano. Un día antes, Michelangelo Buonarotti remataba unha das súas grandes obras: as pinturas no teito desta capela. Michelangelo adicara catro anos da súa vida a pintar este teito. Catro anos enriba dos andamios.

Micheangelo foi un artista cun inmenso talento (destacou como escultor, pintor e arquitecto) e cunha gran capacidade de esforzo e traballo. 

Se queres coñecer a súa obra na Capela Sixtina podedes facer unha visita virtual. Clica a continuación: movendo o cursor do rato poderás percorrer esta capela, ampliar a imaxe para apreciar tódolos frescos de Michelangelo, e non esquezas chegar ata o teito!. Visita virtual á Capela Sixtina.

Falando da Capela Sixtina, quero contarvos unha anécdota. Gregorio Allegri compuxo a mediados do século XVII o seu Miserere mei para cantar nesta capela. Estaba prohibido interpretar esta obra noutros lugares. 

E así permaneceu ata que un neno de 14 anos visita Roma e escoita o Miserere: unha obra para dous coros con voces de homes e nenos: un con 4 voces e outro con 5 voces. Ese neno memoriza a obra e é capaz de escribila despois no papel. (que importante é a memoria musical...) Imaxinades quen é ese neno?. Pois nin máis nin menos que W.A. Mozart.

Un ano despois, en Londres publicábase a partitura do Miserere, e dende entón podemos disfrutar desta obra dentro e fóra da Capela Sixtina. Así, dende terras inglesas traemos este vídeo do King's College Choir (toda unha institución coral):


sábado, 27 de octubre de 2012

Era unha vez...a respiración


Gústame moito este vídeo onde podemos comprender o sistema respitarorio (ademáis da importancia das defensas do noso corpo e a necesidade de ter hábitos saudables).  Para cantar é moi importante controlar a nosa respiración; por iso insistimos tanto en cada ensaio cos exercicios previos. Coñezamos un pouco máis do funcionamento do noso sistema respiratorio.


Ó longo destes días varios pequecoristas comezaron a sufrir ataques á súa gorxa pola invasión de virus. Xa sabedes, debemos preparar o noso corpo ante os invasores. Abrigádevos ben, comede moita froita e verdura, bebede moita auga, durmide ben e practicade exercicio físico. Podedes recordar os consellos para o coidado da vosa voz clicando aquí: Coidados para a voz dun pequecorista. 


miércoles, 24 de octubre de 2012

Can you hear me? Podes oírme?


Comezamos os ensaios deste curso cunha obra moi especial: Can you hear me?. É unha obra do compositor, director e cantante británico Bob Chilcott (1955). Ten moitas obras marabillosas para coro de nen@s. Esta obra percorre o mundo enteiro con distintas interpretacións.

Musicalmente é unha delicia para os nosos oídos, e a súa letra chea de tenrura non nos deixa indiferentes. Danos moito que pensar: un neno xordo cheo de vitalidade, de ledicia...que se comunica con nós grazas ó movemento das mans...que disfruta deste mundo no que hai tanto que descubrir, que facer, que dicir, que sentir...


Miro ao meu  arredor mentres medro. 
Gustaríame contarche todo o que coñezo.
Vexo a vida con toda a súa enerxía, 
as rúas das cidades, o paso do tempo.
Este é o meu mundo. É onde me gusta estar. 
Tanto que ver, tanto por atopar...
Ás veces séntome e agardo un intre. 
Vexo o sol e faime sorrír.
Podes velo? Podes velo ti tamén?

Sento a vida con toda a súa enerxía,
a ledicia de espertar cada día.
Este é o meu mundo. É onde me gusta estar.
Tanto que facer, tanto que dicir...
Ás veces séntome e noto o sol.
É cálido e esta aí para todos.
Podes sentilo? Podes sentilo tamén?

O meu mundo é un mundo silencioso,
mais é sificiente para mín.
Escóitoche a través das túas mans.
O movemento faime libre
pero podería ser algo especial
escoitar a túa voz,
escoitarche cantar.
Podes oírme? Podes oírme tamén?

Miro ao meu arredor mentres medro.
Gustaríame contarche todo o que coñezo.

No seguinte vídeo escoitaredes a versión do coro Rubinki de Polonia. (Por certo, acabo de descubrir este coro: fantástico.)


Podedes atopar moitas versións...o curso pasado seleccionara outra versión na entrada adicada a unha visita ó noso conservatorio de ASPANAES: A amizade é unha igualdade harmoniosa.

Sei da dificultade que supón para nós: mais con moita concentración nos ensaios poderemos interpretala e disfrutala. 

miércoles, 17 de octubre de 2012

A pequepomba avisa do primeiro ensaio


Traio unha feliz nova:

"Por fin, este venres ás 19:00 comezaremos os nosos ensaios na Aula de Orquestra. Moit@s estamos impacientes por xuntarnos de novo, saber as novidades do repertorio,...outr@s porque é o voso primeiro ensaio e non sabedes de que vai.

Para que disfrutemos moito deste primeiro ensaio, o mellor agasallo para cada pequecorista é o silencio. Así que, en canto poñades un pé no novo espazo dos ensaios, permitide que reine o silencio. A partir dese silencio, aparecerá a maxia das vosas voces.

Ata o venres, querid@s pequecoristas!"


sábado, 13 de octubre de 2012

O Soldadiño de Chumbo


Gustaravos moitísimo a música desta curtametraxe de animación: O Soldadiño de Chumbo, baseado no conto do danés Hans Christian Andersen (1805-1875).

Esta versión do Soldadiño está ambientada no Museo do Xoguete de Allariz: por iso, xunto ó soldadiño e á bailarina atopamos persoaxes con oficios galegos  (o mariñeiro, o afiador), ou personaxes do antroido coma o cigarrón.

Reparade na instrumentación que emprega para cada situación e no carácter e tempo das melodías.