O Peque Coro


Este é o blogue para @s pequecoristas, @s amig@s e familiares dos pequecoristas, para tódol@s interesad@s no canto coral infantil e para @s alumn@s de Linguaxe Musical do noso conservatorio.

O Peque Coro somos nenos e nenas de Grao Elemental e Profesional do Conservatorio de Música "Xan Viaño" de Ferrol. Tódalas semanas ensaiamos xunto con profesoras do noso conservatorio. Ó piano acompáñanos a delicadeza da nosa pianista, Alexandra Pita e a dirección está nas mans de quen escribe neste blogue: a ilusionada directora, Catuxa Pita.

domingo, 25 de noviembre de 2012

Cada tres segundos


Eu teño que confesar que tamén sufrín a sensación de ficar xeada ante a mensaxe recibida e a maneira de transmitila por este coro infantil alemán de Wuppertal.

Cada tres segundos, mentres interpretaban Mad World (Mundo Tolo) un neno do coro abandonaba o esceario simbolizando que cada tres segundos este mundo perde a un neno por causas evitables (fame, malnutrición, falta de vacinas...). 



Este coro colaboraba co International Children's Fund para facernos reflexionar no Día Universal do Neno.

sábado, 24 de noviembre de 2012

Que intervalo sona?

Para repasar os exercicios de recoñecemento de intervalos, elaborei as seguintes actividades. Clicade sobre a imaxe e poderedes comezar o voso entrenamento auditivo. Canta cada intervalo antes de responder. 


Intervalos melódicos de 2ª, 3ª, 6ª e 7ª maiores e menores



Intervalos harmónicos de 4ª e 5ª xusta



Intervalos harmónicos


Neste último exercicio debes escribir o intervalo que escoitas a partir da nota escrita na partitura. Amplía a imaxe para poder vela. Recorda que ese é o son máis grave. Para indicar a especie, emprega iniciais e uso de maiúsculas e minúsculas: M (maiores), m (menores), X (xustos).


viernes, 23 de noviembre de 2012

O paxariño que quere cantar

Grazas a seguir o blog de María Quintanilla, El blog de Lenguaje Musical, tempo atrás descubrín este marabillosa curtametraxe de animación.

A historia dun paxariño que quere cantar e non pode. Do seu pico só sae aire...sen un son afinado. Prestade atención e observaredes coma na representación das distintas personaxes hai distintos timbres, xa que cada no canto de cada personaxe sona un intrumento distino. Saberíades dicir cal?



Gústame moitísimo...e ademáis quero animar ós nov@s pequecoristas, que ollan con admiración ós pequecoristas máis veteran@s. Igual que este pequeno paxariño esforzouse en aprender a cantar, e conseguíuno cun canto ben bonito, cada un de vos atoparedes a beleza das vosas voces.

Ánimo, nov@s pequecoristas!

jueves, 22 de noviembre de 2012

Equivalencias. Cambio de pulso?

Para que @s alumn@s de 4º GE podades repasar as equivalencias,  elaborei unha nova actividade. Clicade sobre a imaxe e pensade en cada indicación, tendo sempre presente a unidade de pulso de cada compás.


Para poder ver ben o exercicio de cada pregunta, emprega a lupa para que amplíe a imaxe.

miércoles, 21 de noviembre de 2012

20 de Novembro: Día Universal do Neno


O 20 de Novembro é o Día Universal do Neno: un día no que  tódolos países adicarían a recordar a necesidade de coidar e educar a tódolos nenos e nenas deste mundo.

Hai millóns de nenos e nenas que non van á escola por vivir en países sumamente pobres, ou ata por vivir en países con espeluznantes tradicións que prohiben ás nenas estudar. Hai moitas nenas que loitan contra iso, poñéndose en perigo por querer aprender. Unha destas nenas é Malala, que se rebela contra a idea de non poder estudar só por ser unha nena!.


Onte, no Día Universal do Neno, moitos nenos e nenas estaban desprotexidos pola barbarie dos conflictos bélicos. Nenos e nenas inocentes, e alleos á estupidez da violencia do mundo adulto.


Tod@s merecedes protección e educación. 

Tod@s merecedes un precioso canto de berce.



martes, 20 de noviembre de 2012

Que tipo de escala é?

Para que @s alumn@s de 4º GE podan repasar o recoñecemento auditivo dos tipos de escalas menores, elaborei a seguinte actividade.

Clicade sobre a imaxe e xa poderes comezar!




sábado, 17 de noviembre de 2012

Enlaces para facer dictados



Levo semanas prometendo esta relación de páxinas para traballar os vosos dictados. Non vos desanimedes, escoitar supón un gran esforzo. O compositor ruso Igor Stravisnky dicía "Escoitar supón un esforzo. Oír non ten mérito. Os parrulos oen."

Por fin, velaí unha lista de blogs de profesoras de Linguaxe Musical e outras páxinas interesantes para insistir nesta laboriosa tarefa do entrenamento auditivo:

Henarmonía: o blog da nosa amiga a directora do Coro Infantil do Conservatorio de Lugo. Ademáis, grazas a Henar aprendín como podía compartir c@s pequecoristas os dictados no noso blog.

Clicade sobre a imaxe e poderedes facer os dictados de Henar. Por certo, trae as solucións. Mais non fagades trampas!


Dictados Musicales de Elena Álvarez: tedes dictados rítmicos, melódicos, rítmico-melódicos...de diferentes niveles. Ademáis de xogos, práctica de intervalos, dictados a dúas voces...ata probas de aceso dalgúns conservatorios.


El blog de Lenguaje Musical de María Quintanilla: ten moitos dictados para cada curso de linguaxe musical para escoitalos e tamén descargalos.


Ritmo y Sonido del Lenguaje Musical de María José: atoparemos dictados para os distintos cursos. Tamén dictados a dúas voces para @s alumn@s de Grao Profesional.


Almudena Lenguaje Musical: Cada curso ten unha sección de "Audición" no que tedes dictados coas súas correspondentes instruccións


El aula musical de Adriana: un blog moi útil co que tamén aprendín a utilizar ferramentas para crear actividades para vos.  E que nos informa de moitas outras páxinas musicais moi interesantes. Ofrécenos exercicios auditivos de distintos tipos (tests, xogos, puzzles...) e os clásicos dictados


Conservatorio Profesional de Música de La Rioja:  o Departamento de Linguaxe Musical máis o de Canto ofrecen dictados para 3º e 4º de GE e 1 e 2º de GP. Cada dictado ten as súas instruccións e unha serie de preguntas a partir das melodías gravadas con distintos instrumentos, é dicir, con distintos instrumentos e con músicas de diferentes países. Tamén traballa o recoñecemento dos modos e de compases.

Para Grao Profesional traballaredes dictados a dúas voces, ademáis de melodías modais.



Philarmonia Orchestra: poderás realizar dictados a partir da audición de extractos de obras famosas do repertorio "clásico". Seleccionas o exercicio que queres e escribes na mesma web coa axuda do rato do teu ordenador. Despois podes comprobar o resultado. Tamén poderás practicar os intervalos.



Teoria.com: ademáis dunha páxina onde podes practicar a túa lectura nas distintas claves, intervalos, escalas e acordes, podes exercitar as túas destrezas auditivas: dictado de ritmos, notas, intervalos, acordes, dictados melódicos e a dúas voces. Que máis podemos pedir?



Solfeo.org: poderás practicar intervalos recoñecendo a súa orde e especie.


viernes, 16 de noviembre de 2012

De novo...Interpreta coas túas mans unha obra solidaria

Este ano volvemos a colaborar coa asociación AS.PA.NE.MI (Asociación de Pais de Nenos con Minusvalías) coa recollidas de tapóns de plástico. A campaña deste ano é para axudar a Alba: unha rapaza de 14 anos que precisa un custoso tratamento médico.

O curso pasado, a colaboración d@s pequecoristas, pais e nais e amig@s, foi moi grande. Eu aprendín que @s pequen@s sodes moito máis solidarios que o mundo adulto. A vosa implicación pensando nas dificultades doutros nen@s é maior que a nosa. Quizais a medida que medramos perdemos ilusións de mellorar o noso mundo. Vos devolvédenos a enerxía e as gañas de loitar por un mundo mellor. 


Grazas, pequecoristas e amig@s pola vosa solidariedade.

sábado, 10 de noviembre de 2012

Xogos auditivos para os máis peques

O curso pasado entrenábamos o noso oído cun divertido xogo grazas á páxina Pdi Música que nos ofrecía xogos gratuitos. Para @s máis peques será unha boa iniciación,...e para os veteran@s pode ser un momento entretido no que comprobaremos que xa avanzamos moitísimo na percepción auditiva. A tod@s gustaránnos estes orixinais xogos. 

Clicade sobre cada xogo e poderedes comezar o voso divertido entrenamento.

O xa coñecido Robinator que dispara as súa frechas a cada son


O xogo dos Indios e canoas no que terás que levar as distintas canoas ós espazos do pentagrama.


O xogo da Carreira pentatónica no que colocarás cada coche nunha das tecras negras do piano.



No xogo do Billar cromático colocarás cada bola do billar na tecra do piano correspondente. Atención que xogamos cos semitons!

Que teñades un divertido entrenamento auditivo!



jueves, 8 de noviembre de 2012

Recoméndoche...Il Cirque d' amore


Queres pasar unha estupenda tarde este vindeiro domingo? Pois achégate a Il Cirque d'amore, onde distrutarás dun repertorio de distintas óperas de Puccini, Rossini, Mozart e Donizetti. 

Esta ópera infantil estará interpretada por unha soprano, un barítono e un pianista. Se queres máis información: Il Cirque d'amore


Este domingo 11 de Novembro ás 18:00 no Pazo da Cultura de Narón.

martes, 6 de noviembre de 2012

Para alumn@s de GP: secuencia de acordes


@s compañeir@s de 2º GP tamén terán tarefas no noso blog. Aínda que non sodes tan pequen@s, utilizaremos este blog para medrar aínda máis. Sempre teredes unha pestana adicada a vos : O recuncho d@s GP.

Na seguinte actividade escoitaredes secuencia de acordes sobre graos tonais nunha tonalidade maior. Prestade atención e marcade a resposta correcta. Clicade sobre a imaxe e xa podedes comezar a actividade.




A continuación unha nova secuencia de acordes sobre graos tonais nunha tonalidade menor.


viernes, 2 de noviembre de 2012

Outro canto dun cisne



Xa falaramos do mito do canto do cisne: cando un cisne está a piques de morrer, emite un belísimo canto. Dicíamos que os cisnes non cantan, mais utilizamos esta expresión para referirnos á última obra dun artista.

Días atrás un gran compositor alemán, Hans Werner Henze (1 de Xullo de 1926-27 de Outubro de 2012) emitía o seu último canto e xa non poderá ofrecernos ningunha obra máis.

No ano 1980 compuxo a ópera Pollicino, o nome de Polgariño en italiano baseándose en varios contos dos irmáns Grimm e de Perrault. 


Na escea desta ópera veredes coma Polgariño escoita ós seus pais que non poden alimentar ós seus fillos e que queren abandonalos no bosque. Polgariño inxenia unha idea para poder regresar a casa: deixando un rastro coas migallas de pan.

Polgariño (Dominik Blum Mutter) fai unha interpretación excelente. Sei que vos pode sorprender o estilo musical. Aínda non temos o noso oído e a nosa mente tan acostumados a estas sonoridades. Ben merece a pena que prestedes un intre a esta escea. Mágoa que non atope máis vídeos na rede!




jueves, 1 de noviembre de 2012

Foi un 1 de Novembro


500 anos atrás inaugurábase a Capela Sixtina no Vaticano. Un día antes, Michelangelo Buonarotti remataba unha das súas grandes obras: as pinturas no teito desta capela. Michelangelo adicara catro anos da súa vida a pintar este teito. Catro anos enriba dos andamios.

Micheangelo foi un artista cun inmenso talento (destacou como escultor, pintor e arquitecto) e cunha gran capacidade de esforzo e traballo. 

Se queres coñecer a súa obra na Capela Sixtina podedes facer unha visita virtual. Clica a continuación: movendo o cursor do rato poderás percorrer esta capela, ampliar a imaxe para apreciar tódolos frescos de Michelangelo, e non esquezas chegar ata o teito!. Visita virtual á Capela Sixtina.

Falando da Capela Sixtina, quero contarvos unha anécdota. Gregorio Allegri compuxo a mediados do século XVII o seu Miserere mei para cantar nesta capela. Estaba prohibido interpretar esta obra noutros lugares. 

E así permaneceu ata que un neno de 14 anos visita Roma e escoita o Miserere: unha obra para dous coros con voces de homes e nenos: un con 4 voces e outro con 5 voces. Ese neno memoriza a obra e é capaz de escribila despois no papel. (que importante é a memoria musical...) Imaxinades quen é ese neno?. Pois nin máis nin menos que W.A. Mozart.

Un ano despois, en Londres publicábase a partitura do Miserere, e dende entón podemos disfrutar desta obra dentro e fóra da Capela Sixtina. Así, dende terras inglesas traemos este vídeo do King's College Choir (toda unha institución coral):