O Peque Coro


Este é o blogue para @s pequecoristas, @s amig@s e familiares dos pequecoristas, para tódol@s interesad@s no canto coral infantil e para @s alumn@s de Linguaxe Musical do noso conservatorio.

O Peque Coro somos nenos e nenas de Grao Elemental e Profesional do Conservatorio de Música "Xan Viaño" de Ferrol. Tódalas semanas ensaiamos xunto con profesoras do noso conservatorio. Ó piano acompáñanos a delicadeza da nosa pianista, Alexandra Pita e a dirección está nas mans de quen escribe neste blogue: a ilusionada directora, Catuxa Pita.

lunes, 31 de diciembre de 2012

Feliz Aninovo


Que o 2013 siga cargado de ilusións e marabillosos momentos musicais para tódol@s pequecoristas e as súas familias.

domingo, 30 de diciembre de 2012

Outro "Peque" Coro

Velaí un coro de peques, aínda que poucos, o que se din poucos,..non son:

miércoles, 26 de diciembre de 2012

Recoméndoche...A Pequena Frauta Máxica


Este mércores 26 de decembro a compañía Divertimento traerá ó teatro Jofre unha adaptación para nen@s da ópera A Frauta Máxica de W.A. Mozart. O coro de escravos que cantamos é unha adaptación que pertence a esta ópera. Coro de escravos da Frauta Máxica

A Frauta Máxica adéntranos no mundo da imaxinación e dos soños: o príncipe Tamino fuxe dunha gran serpe e refúxiase nun bosque no que cae desmaiado. Alí, coñecerá á Raíña da Noite e a Papageno, un home que caza paxaros para a raíña. Tres mulleres da corte da raíña da Noite ensínanlle a Tamino un retrato de Pamina, a filla da raíña que está secuestrada polo cruel Sarastro. E a partir dese intre comeza a aventura de Tamino e Papageno.

No seguinte vídeo escoitaredes a famosísima aria da Raíña da Noite:


Se queredes máis información para asistir a este concerto, consultade a continuación o enlace da páxina do Teatro Jofre: A Pequena Frauta Máxica.


lunes, 24 de diciembre de 2012

A noite do Apalpador


Dende as montañas lucenses virá o Apalpador cargado con agasallos para tódolos nenos e nenas. Agardo que se acordara de traer moitos agasallos para @s pequecorist@s.

Doces sonos...

domingo, 23 de diciembre de 2012

Un bonito recordo


O noso primeiro concerto deste ano será unha experiencia que gardaremos na memoria para sempre. Este era un novo espazo para tod@s, e un fermoso espazo.

Comprendemos perfectamente as sensacións que poden ter @s pequecoristas, porque igual que vos, nós saímos a ese mesmo esceario coa vosa idade, e cuns anos menos. Recordamos aquelas sensacións do formigueo polos nervos previos á saída á escea, ademáis da euforia da ovación dun teatro repleto.

O cole que fumos de pequenas despedían cada curso cun festival neste teatro. Aínda que non estaba tan bonito e esplendoroso, máis ben todo o contrario. Era un teatro practicamente abandonado do que só quedaba unha sensación do que fora en tempos pasados. Menos que que tódol@s ferroláns recuperamos esta xoia para a nosa cidade!.

Pois ben, acababa o curso e cada clase facía unha pequena coreografía, ademáis de presentar o traballo das clases de ballet e baile tradicional galego. Era fantástico o bulir entre cortinas. Axiña cambiábamos as zapatillas e o tul de ballet, pola saia do traxe galego. Aínda cos ollos abertos podo recordar as miñas emocións bailando unha adaptación do Outono de Vivaldi.

Tamén recordamos momentos nos que preferirías fuxir. Miña nai mercáreme uns zapatos novos de charol para bailar ese día. Como brillaban! Como di a copla: "aínda non merquei, pero vou mercar zapatiños novos para ir bailar". Pois non levedes os zapatiños novos ó baile porque esbaran! Xa o notara co primeiro punto: tacón-punta-tacón e na primeira volta da muiñeira...ZAS! Catuxa vai tan salerosa que cae ó chan. E que fas? Pois coma sempre nesta vida: érgueste e segues cara diante. 

O Conservatorio tamén organizou algún concerto de fin de curso neste teatro. E alí estabamos @s alumn@s de distintas especialidades. Recordo saír perdida a ese esceario. Non estaba a miña profesora de piano para darme a tranquilidade e as forzas precisas. Quedei satisfeita da primeira obra que interpretei, o trago difícil foi cando comeza a fallarme a memoria tocando no piano unha invención de Bach. Foron uns intres eternos.  

Para @s pequecoristas o único momento para esquecer será a espera, mais a vosa interpretación e presenza en escea foi marabillosa. Co voso traballo e concentración en escea, é imposible esbarar e caer! E nunca na vida esqueceredes as emocións compartidas c@s vos@s compañeir@s pequecoristas.



viernes, 21 de diciembre de 2012

Novas para o 21 de Decembro

Recordade que esta tarde participamos no concerto solidario "Axúdanos a orquestrar un bo almorzo" a favor da Cociña Económica. A nosa participación será a partires das 19:00 horas. 

Pequecoristas, reunímonos na aula de orquestra.

Ata a tarde!


miércoles, 19 de diciembre de 2012

Recoméndoche...O Quebranoces no Teatro Jofre




Por estas datas podemos ver en moitos teatros o Quebranoces de Tchaikovsky. Este ballet do mundo dos soños cumpre 120 anos.

Esta tarde podedes velo interpretado pol@s alumn@s e profesores do Conservatorio de Danza de Lugo no teatro Jofre ás 20:00 .


Unha das esceas máxicas  é a Danza da Fada Golosina, coa fascinación que produce en todos o  timbre da celesta.



martes, 18 de diciembre de 2012

Unha nova xesta...no Teatro Jofre

Había tempo que non invocábamos á Fama para que difundise unha nova xesta. Mais, nesta ocasión debemos pedirlle que extenda as súas ás e difunda por toda a nosa cidade a merecida xesta.

Durante tres longas horas de espera estiveron @s pequecoristas engaiolad@s en pequenos espazos. Parecía que estaban superando probas igual que Ulises!. Debían ficar calad@s (tarefa imposible), practicamente inmovilizad@s nun espazo pequeno, e por riba, o máis duro,...sen poder cantar.

Esa longa espera podía atacar o ánimo de calquera!

Mais estes pequecoristas son fortes de espíritu e saíron con disciplina espartana ó esceario. Estaban preparad@s para o seu cometido.

No momento en que se abriu o gran telón, alí estaban controlando as súas emocións e concentrándose para ofrecer ós presentes unha bonita interpretación. O medo escénico fuxiu axiña e as Musas voaban na bóveda do Teatro.

Dende o Paraíso do Jofre, un clamor chegaba ós nosos pequenos cantores. As súas voces xa non semellaban tan pequenas nese esceario. Esa foi a súa xesta: encher coas doces voces semellante espazo sonoro.


Así pois, Fama, difunde a nova xesta d@s pequecoristas...

domingo, 16 de diciembre de 2012

O Peque Coro no Teatro Jofre


Esta visión do Teatro Jofre é a que terán mañá @s pequecoristas dende o esceario. O único cambio será que non veremos este fermoso teatro baleiro, senón repleto de coralistas e público asistente a esta cita.

O noso primeiro concerto deste curso será dentro da Mostra de Corais de Terceira Idade. Dende a Concellaría de Benestar Social de Ferrol pretenden fomentar as relacións entre os maiores e os nenos. E nos acudimos felices a este evento.

Para vari@s pequecoristas é o seu primeiro concerto. Podedes estar moi tranquil@s porque o repertorio está ben traballado nos ensaios e teredes o apoio d@s máis veteran@s, que xa están máis acostumad@s a saír a escea. É certo que a novidade de cantar no Jofre é un reto para nós. Sempre cantamos en auditorios máis pequenos: no conservatorio de Lugo, no de Culleredo...e no auditorio do noso conservatorio, que é coma cantar na casa. Mais podemos saír fachendos@s a escea: só precisamos concentración.

Ademáis, alí atoparemos un público entregado: tódalas corais agradecerán que compartamos escea e ,coma sempre, os nosos fieis seguidores aplaudirán con entusiasmo a nosa actuación.

Será unha bonita e inesquecible experiencia cantar neste teatro.

Por último quero recomendarvos que repasades os consellos para un pequecorista: Coidados para a voz dun pequecorista.

Ata mañá, querid@s pequecoristas!

O Peque Coro na Mostra de Corais da Terceira Idade: luns 17 de decembro ás 17:30 no Teatro Jofre.


viernes, 14 de diciembre de 2012

Novas para o venres 14 de Decembro

Levo no meu pico unha nova para tódolos pais e tódalas nais de pequecoristas a partires de 10 anos:

"Esta tarde do venres 14 de decembro, ás 20:45 reunirémonos no auditorio para informar do intercambio dentro do Proxecto Leonardo no que participará o Peque Coro.  A coordinadora de Programas Internacionais, a xefa de estudos do noso conservatorio, explicaranos en que consiste este proxecto.

Ata a tarde!".


jueves, 6 de diciembre de 2012

Recoméndoche...Dido e Eneas no Teatro Jofre


A miña primeira recomendación cando comecei a escribir neste blog foi  "Dido e Eneas" interpretada polo coro Cantabile da Coruña.

Un ano despois tedes a oportunidade de disfrutar desta ópera na nosa cidade! 

É unha ópera barroca interpretada por un coro infantil-xuvenil baseada na historia da raíña de Cartago, Dido, e o heroe troiano Eneas. Dido e Eneas foi a primeira ópera de Purcell, estreada en Londres no ano 1688. 

Aquí tedes a aria máis famosa, "O Lamento de Dido", na que Dido chora porque Eneas a abandona:



Eu non podo repetir experiencia por asistir a outras actividades musicais (@s profes tamén seguimos aprendendo e facendo cursos...), así que non me veredes. Mais, despois da súa estrea do ano pasado, insisto que merece a pena esta ópera para toda a familia.

Este domingo 9 de decembro ás 20:00 no teatro Jofre. Se precisades máis información, consultade a páxina do Teatro Jofre: Dido e Eneas 



domingo, 2 de diciembre de 2012

Axúdanos a orquestrar un bo almorzo!


Para que a nosa mente e o noso corpo funcionen ben,  debemos comezar o día cun bo e saudable almorzo. Para que tod@s poidamos almorzar, e solidarizándonos coas persoas máis desfavorecidas, comeza no noso conservatorio a recollida de alimentos para doar á Cociña Económica de Ferrol.

Na entrada do noso conservatorio atoparás un recuncho para que deixes a túa doazón de alimentos non perecedoiros (especialmente alimentos para o almorzo)

Axúdanos a orquestrar un bo almorzo!