O Peque Coro


Este é o blog para @s pequecoristas, @s amig@s e familiares dos pequecoristas, para tódol@s interesad@s no canto coral infantil e para @s alumn@s de Linguaxe Musical do noso conservatorio.

O Peque Coro somos nenos e nenas de Grao Elemental do Conservatorio de Música "Xan Viaño" de Ferrol. Tódalas semanas ensaiamos xunto con profesoras do noso conservatorio. Ó piano acompáñanos a delicadeza da nosa pianista, Alexandra Pita e a dirección está nas mans de quen escribe neste blog: a ilusionada directora, Catuxa Pita.

viernes, 13 de mayo de 2016

O Peque Coro e os seus Soños na Gaiola


Aproxímase o concerto máis especial deste ano: "O Peque Coro e os seus soños na Gaiola". Unha homenaxe a Manuel María, o poeta a quen se lle adica esta edición das Letras Galegas.

A partir da musicalización de Margarita Soto de varios poemas de "Os soños na Gaiola", Belén González e Lan Couce crearon un conto musical onde cobra vida a Lúa, o Sol, o Caracol, a Anduriña, o Gato e mailo Lobo...

Guiados por Luis G. Ramos na posta en escea, varios pequecoristas póñense na pel das persoaxes, adentrándose no mundo de teatro. Realizaron un gran esforzo para que todos disfrutemos aínda máis cos poemas de Manuel María. A Lúa: Marina Pajón; o Sol: David Monzón; o Caracol: Daniel Grande; a Anduriña: Lara Lorenzo; o Gato: Sabela Gesto e o Lobo: Azael Gómez.

O Peque Coro está traballando duramente: o reto é complexo. Tódalas pezas son de gran dificultade con novas sonoridades para nós, novas harmonías,...un novo mundo.

Coa mesma ilusión sumáronse a este soño as frautistas Mireia Doce, Leticia Gómez, a percusionista Alba Sueiras, os clarinetistas (profesores do noso conservatorio) José Luis Vázquez Lorenzo, Francisco San Ramón. Tamén algún dos nosos pequecoristas nos acompañarán cos seus instrumentos: á trompa, Ángela Ameneiros, á gaita, Omar Calderón.

Neste soño tamén é moi importante o deseñador do cartaz e programa: Xabier Gómez.

O domingo 15 de Maio ás 19.00 no Teatro Jofre agardamos que Ferrol soñe coas harmonías das palabras, coas harmonías dos cantos...Recordando a Manuel María na súa carta ós nenos do poemario "Os soños na Gaiola": agardamos que "O Peque Coro e os seus soños na gaiola" sexan do voso agrado. Perdoádenos se non acertamos.